jueves, 19 de febrero de 2009

Sin Palabras - Castrovaldés 07, un excelente albariño a vinte quilómetros de Santiago

Sin Palabras - Castrovaldés 07, un excelente albariño a vinte quilómetros de Santiago

3 Febreiro, 2009
Calquera afeccionado ao viño galego ao que lle digas que a vinte quilómetros de Santiago se está a facer un gran albariño porá, de primeiras, unha cara cando menos sorprendida. As terras que suben o Ulla, por Vedra e Vila de Cruces, teñen sona de feroces e ácidos albariños e, por sorte, soberbias augardentes. Pero vese que todo é cuestión de xeito, intelixencia e mesmo botar man da Física. E agora conto como e por que.
Estes días tiven a oportunidade de probar un excelente branco Rías Baixas de corte moi moderno: o Sin Palabras Castrovaldés 07, que me deixou impresionado. Cunha acidez moi equilibrada e elegante, notas de froita blanca e mesmo unha curiosa presenza balsámica que me sorprendeu, matices, voltas, pequenas chiscadelas de olfato e sabores. Este albariño faise en Camanzo, parroquia de Vila de Cruces. Debe ser o viño máis interior das Rías Baixas, alí onde ninguén se imaxina que chega a Denominación de Orixe. Toma nota del porque vai dar moito que falar, seguro. Xa está dando. British Airways acaba de mercarlles un superlote para figurar na carta para os pasaxeiros Business.
Onte falei por teléfono con Ramón Blanco, que é o responsable da Adega Castro Brey. En realidade, eu tiña gañas de saber como o facían, como se conseguía diferenciar tan claramente este Sin Palabras doutros viños da subzona do Ulla que tiña probado. Xavi, o da Viña, falárame hai tempo desa adega que tiña un estraño chintófan no viñedo. Pedinlle a Ramón que mo contara e que me mandara unha foto de tal chintófano. Velaquí está:
Como vedes, hai unha hélice no medio da viña. Aquí, nestas ribeiras altas do Ulla, dáse o fenómeno clásico da brétema. Se tes ido en coche pola estrada de Santiago a Ourense, terás apreciado no inverno esas persistentes néboas que enchen os vales do Ulla durante media mañá. Estas brétemas, a humidade e o frío atacan duramente ás cepas e aos acios. Pois para iso instalaron esta hélice: dedícase a escorrentar o frío. En canto os catro sensores de temperatura detectan que a temperatura do viñedo baixa dos 2º, a hélice acciónase automaticamente. Ao facelo, remexe o aire frío do chan e baixa o aire quente que está na zona superior. É coma se a adega soplara para quentar o viñedo nos días malos: antigamente, os viticultores franceses prendían fogueiras. De alí trouxeron os avós fundadores o invento, onde é habitual para loitar contra adversidades climáticas. A combinación cun solo peculiar de base granítico e arxilas fai parte importante do resto.
Ramón fala de viticultura granítica e dun tremendo respecto á viña, á súa poda e ao coidado das cepas máis vellas da familia. O certo é que a min me segue a sorprender a enorme versatilidade que pode ter a variedade albariño. Coma no Barbanza, é unha variedade estremadamente sensible ás condicións climáticas e aos solos.
Ídesvos sorprender co Sin Palabras. É unha alegría ver coma os tópicos escachan na túa boca.

Origen informacion: manuelgago.org

No hay comentarios:

Publicar un comentario