Puntos de venta por ciudades, provincia, autonomía, países,...

Una gran arma de marketing que genera clientes de confianza y marca de empresa

Distribuidor / Tienda, demande a su proveedor de alimentos o vinos que le apoye mediante mapas de puntos de venta . Su uso

Distributor / Shop, ask your food or wine supplier to support you through point-of-sale maps . Using it

Distribuïdor / Botiga, demani al seu proveïdor d'aliments o vins que li doni suport mitjançant mapes de punts de venda . Fer-ne us

We export wines and food from Spain. Demand it to winesinform@gmail.com

Puede pedir vinos y alimentos de España a winesinform@gmail.com

On the work of buyer . Sobre el trabajo de comprador .

See some products and prices at Perennial tender - Oportunidad permanente

Vea algunos productos y precios en Perennial tender - Oportunidad permanente

miércoles, 7 de noviembre de 2007

II Salón dos Viños e Augardentes de Galicia: de barricas, identidades e renacementos

II Salón dos Viños e Augardentes de Galicia: de barricas, identidades e renacementos


Acudimos ao II Salón dos Viños e Augardentes de Galicia que se celebrou esta fin de semana na Coruña esta fin de semana cun obxectivo confeso e outro non tanto. O confeso era explorar que daban de si as novidades de barrica en tintos e brancos de Galicia. A crianza do viño segue a ser unha técnica novidosa e algo experimental no país, onde non había unha tradición de envellecemento do viño, coa que as adegas levan traballando desde principios da década. Varios factores parecen estar detrás dos novos experimentos de barrica nas adegas galegas, como unha maior profesionalización, a busca dun mercado máis diversificado ou tentar facerse un oco entre a multitudinaria oferta de marcas.
Así que dimos un paseo pola diversidade vitivinícola do país percorrendo os expositores, que tamén era parte do obxectivo non confeso: observar a capacidade do sector galego por amosarse e vestirse de gala para amosar a súa forza. A impresión foi algo desigual: por unha banda, unha perfecta organización atenta aos detalles e un elegante deseño do programa de actos por parte de Luis Paadín e o seu equipo, pero por outra apreciábanse notábeis ausencias de moitas grandes marcas galegas, tanto de Rías Baixas coma da Ribeira Sacra, por exemplo. Había unha notábel presencia do Ribeiro, por exemplo, e teño que dicir que non probara tanto deste viño desde os meus tempos universitarios da Rúa do Franco. Por suposto, os meus gustos, o meu talante e o meu nivel de esixencia cambiaron desde aquela. Así que un está preparado para recibir sorpresas.

A barrica, só unha posibilidade
En primeiro lugar, quedoume bastante claro que a barrica é unha posibilidade, non un destino obrigatorio. Hai viños brancos que non aturan ben a barrica, nos que a madeira devora os sabores e matices. Pasounos cun albariño Valdamor barrica. Coñezo ben o sabor deste viño na versión sen crianza. Ao dárselle o repouso de barril, a madeira devora a súa dimensión de froita e frescura, unha auténtica mágoa; noutros casos, o resultado ten un grande éxito.O repouso do Coto de Gomariz e do Cuvée CacoSabes que tal cousa acontece cando o sabor propio dese viño poténciase outorgando untuosidade, unha gran persistencia en boca e golosura. Estou pensando nun dos Ribeiros brancos máis notábeis que se poden atopar na actualidade, o Coto de Gomariz Colleita Seleccionada, sometido a dous meses de crianza sobre as súas propias lías. Se queres sorprender cun Ribeiro, non dubides en probar con este. O Coto de Gomariz pertence á adega María Álvarez Serrano, de Leiro, e foi sen dúbida unha das concorridas de toda a feira. Algo diso tería que ver a oportunidade de probar de balde o famoso Cuvée Caco, que tamén me recomendara Miguel Vila, e que ronda os 18 euros en tenda. O Cuvée Caco é un tinto elaborado sobre todo a partir da variedade sousón con dúas versións, a VX2 –con trece meses de crianza- e a VX1, con vinte e dous meses de crianza e unha maior selección da uva. Un viño chamativo e complexo ao que lle acontece unha cousa ben curiosa: no primeiro gusto sorprende a presenza do carballo, os minerais, taninos enormes e unha certa presenza de tostados, pero nese momento un aínda se interroga sobre a súa procedencia; é no posgusto onde se pode percibir a súa identidade, o solo, o Ribeiro, claramente, como unha denominación de orixe. Está aí, no seu amargor tan característico, nesa acidez intensa desas terras.
Valdeorras: de cepas vellas e viños novosCada vez gústame máis o godello de Valdeorras, cando están ben traballado. Unha sorpresa da feira foi toparme con esta referencia, que queda ben anotada: A Silveira, un viño da adega O Barreiro, de Seadur, propiedade de José Rodríguez González. Un godello suave, cunha entrada opulenta ao principio
Despois coñecín a un dos promotores de Viña Godeval, que como xa teño dito por aquí, é unha das adegas máis fermosas da Península. O amábel Horacio Fernández presentoume ao novo lanzamento da adega que dirixe a súa filla Araceli: un Godeval Cepas Vellas, un viño redondo que achega un novo corpo de madurez ao tradicional sabor dos viños desta adega de mosteiro. Nas motivacións deste produto está o adaptarse máis ao mercado norteamericano, onde están vendendo moitísima produción, sobre todo a partir das mencións en Wine Spectator. Nas conversas os expertos destacan que o Valdeorras aínda sofre un problema de identidade, que lle impide diferenciarse no mercado.
-A xente asocia o viño de Valdeorras ao godello, e é certo –asegura un dos grandes enólogos do país- pero ese é o problema. Agora que está a ter tanto éxito, poden plantar godello en calquera sitio. Hai que conseguir vincular este viño ao terroir, a este solo, e a unha identidade determinada.
¿Unha nova vida para o viño de Betanzos?Haberá quen se ría ao ler isto, pero dígoo moi en serio. Sempre tiven curiosidade por probar o viño de Betanzos, que ten sona habitual de tralleiro e chispón. Así que catamos dous viños con variedades experimentais que os adegueiros da Terra de Betanzos tentan recuperar. Un Castro de Untia, feito con uva agudelo (que sospeitan que teñen parentesco xenético co godello), de chamativo cor tostada e de matices máis complexos do habitual e un Lorenzo Bescansa, feito a partir de branco lexítimo. Ambas as dúas proporcionan un sabor inédito en Galicia, non comparábel nin con albariños nin con godellos. A agudelo fornece un sabor frutal, complexo, que se desvanece con rapidez, destinada a un público máis amplo. O branco lexítimo é un viño aínda máis diferenciado, mineral, dificilmente clasificábel, que a min me lembrou a algunhas cousas do Ribeiro e que pode interesar a padais minoritarios, pero que existen.
-Estamos tentando ofrecer un produto diferente –dime o adegueiro-. Nós non podemos competir coas outras comarcas. E temos, ademais, o problema da falta de imaxe. A xente tende a asociar a este viño como moi de trote. Non é que partamos de 0. Partimos de -2. E temos que gañar a batalla da calidade. Por iso partimos destas variedades case perdidas e estamos experimentando con elas.
A este viño aínda lle falta rodaxe, pero tempo ao tempo. Iso si, non ten ningún tipo de problema de identidade: sábese ben claro de onde é. É unha ledicia que se volva a recuperar, pouco a pouco, territorio para as cepas antigas.
Orígen información: manuelgago.org

No hay comentarios:

Publicar un comentario